A foto, correspondente a hai un ano, pode servir para ilustrar o que me pasou esta mesma mañá na aula laboratorio, aula na que estou cos alumnos todo o tempo que permanecemos no IES.
O caso é que nun grupo de 1º ESO hoxe tivemos un intercambio de preguntas e respostas sobre o que se ve a pouco que se mire no laboratorio. Xurdiron preguntas de todo tipo, sobre que eran as cousas, para que servían, cando se podían usar, et caetera. Estas cousas rematan tentando derivar cara outras que están relacionadas, e logo cara outras máis… o caso é que chegou o momento no que un alumno me dixo algo como ‘profe, por que non vendes estas cousas? Sacarías moito!’
No momento fíxome rir, pero tamén pensar, e non me quedou outra que aclarar algúns conceptos:
* O que hai na aula non é do profesor. A aula pode identificarse ou non cun grupo determinado dun nivel nun ano académico, pero en calquera caso, os alumnos son tan donos da aula en cada momento como o profesor. Quizais entón isto deba aclararse a parte, porque…
* O IES é un centro público, de todos, deles tamén, como participantes da nosa sociedade. Algo que ten implicacións sobre a visión do espazo que ocupan, sobre o coidado dos materiais cos que están en contacto, sobre a súa visión mesmo como subgrupo diluído dentro da nosa sociedade.
* Como interesados e propietarios, deben insistir en que se hai material, se use ó seu favor. Insistirme a min mesmo, se son neste momento o responsable, ou a quen sexa que estea no meu lugar noutro momento.
Así, non é só o concepto de educación no público, senón no uso comunitario dun recurso que moitas veces pode estar desaproveitado. Ou, noutro sentido, pode incidir en planificar o ensino dun xeito participativo e manipulativo, favorecendo competencias e integrando actitudes…