Fin de semana. Fóra do ‘traballo’. Quilómetros en bici. Hoxe, sol e un tempo de marzo insuperable para facer deporte como estaba previsto.
Teño alumnos picariños de 12 anos dunha aldea a máis de 20 km de Ribadeo. Entroncando con outras cousas, nunha clase da semana pasada chegamos a openstreetmap, sigpac e google maps, e localizamos tres casas próximas entre si (relativamente) de cinco alumnos -non, non son repetidores, hai dous pares de xemelgos!- e déronme todo tipo de detalles para que chegara ata elas. Logo, axustando, vimos que non ían estar cando eu pasara por alí (se pasaba) facendo deporte: as actividades extra que os manteñen vivos máis aló das aulas.
Igual me deu. Aproveitei as indicacións para descubrir un par de lugares que non coñecía. Pasei polas tres casas. Na primeira, falei cunha veciña da que lembro de xeito aproximado o nome do seu can, Yogui, e a última letra da matrícula do seu coche: B. Noutra, unha foto á cabana na árbore (‘O Casopo’, pon) co nome dos dous xemelgos. Algo co que desfrutaría calquera pícaro (e mesmo non tan pícaro). a terceira, nunha costa en pleno esforzo, pasoume desapercibida, e medio quilómetro máis enriba un veciño sacoume da dúbida.
Xa reño os datos. Luns, charlando, sairá a conversa, poderei dar detalles e sei que mirarán con ollos de asombro ó profesor que “fai esas cousas” que eles non se ven facendo… hoxe. Ollos que reterán un pouco dese asombro sobre a materia na que estarán traballando mesmo de seguido. Algo que construirá un pouco máis un equipo heteroxéneo fundado no día a día, na vida, de onde se adquire a aprendizaxe.