Levo cousa dun par de semanas sen engadir nada. Decateime, e iso levoume a pensar sobre a importancia da continuidade. Importancia para calquera proxecto que non necesita só dunha acción puntual. como un proxecto educativo, como a educación dunha persoa.
Pode a educación ser discontinua? Coido que non, que ten necesidade de continuidade, de ser continua. Necesidade, que non obriga: estamos formándonos continuamente a traverso dos estímulos que recibimos e as nosas respostas, queiramos ou non, e iso implica que mentar a obriga é indiferente, pois vese superada pola realidade.
Pero, é posible estar continuamente educando? Para respostar (cousa que non pretendo facer), hai que ter en conta ao menos que non somos máquinas, nin educandos nin educadores, e precisamente iso ocorre porque somos humanos, a mesma razón pola que temos fallos, a mesma pola que temos vontade, a mesma polo que somos capaces de ter bondade, ou de dar cariño…
Somos humanos, si, pero no ser humano tamén están os anceios de mellora, de mellora continuada, de educación continuada para ser.
