Levo a vida aprendendo a ser profesor e aínda non estou seguro de ser bo alumno. Paciencia e perseverancia…
Destripamos a frase anterior?
Ben, na realidade non levo a vida, pero si unha parte substancial dela. En canto á intensidade coa que me adico a esa aprendizaxe, seguro que podería incrementala: iso está en relación coa segunda parte do parágrafo: non estou seguro (é un xeito suave de dicilo) de ser bo alumno. En parte, porque é o alumno quen debe aprender cos medios que se poñen ó seu alcance, e somos humanos, o que significa que non aproveitamos os medios á nosa disposición ó 100% porque non podemos facelo (menos aínda ‘ó 120%’ como se di de xeito enfatizado algunhas veces). En parte porque seguro que o entorno, as circunstancias, poden mellorar: nunca son ideais. En parte porque a bondade está tamén relativizada en referencia a que se está a facer, e con xente diferente dentro de cada aula, aulas diferentes e anos (e circunstancias) diferentes, non se pode establecer unha ‘bondade absoluta’.
Recoñezámolo: somos humanos, non perfectos…
Iso si: non podemos escudarnos en que somos humanos para esquecernos de tentar facer o ‘humanamente posible’, incluída a conciencia das nosas propias limitacións e as dos demais.