(https://twitter.com/EdzardErnst/status/1327993712195084288?s=20)
Remato de ler en Twitter algo que xa apuntei hai uns días:
‘Se nunca cometes erros, estás a facelo de xeito equivocado.
Se non corrixes os teus erros, estalo a facer moi mal.
Se non aceptas que cometiches un erro, non estás a facer nada‘
Con todos os peros que se lle podan poñer ás sentenzas anteriores, e se se segue o fío en twitter verase que poden ser abondos, coido que a base do que din ten moito de verdade. E non só para aplicación no campo de investigación científica, ó que van adicadas, (se non, non no tería posto aquí, senón noutro blogue, FQRibadeo) senón no de ensino para a vida.
Somos humanos, e ninguén pode pretende facelo todo ben. Aínda que se facemos algo é sempre porque dende o noso punto de vista ten algún tipo de ‘bondade’, e logo tentaremos defendelo como a mellor opción, como o ‘ben’ en base ós criterios que sexa.
Se os cometes e non os corrixes, entón é evidente que non só estás facendo as cousas mal, senón que sabes que as estás a facer mal e non pos os medios para facelas ben, co que se incrementa a túa ‘culpa’.
Por outra banda, se non aceptas o cometer erros, cando os estás a cometer, entón estás a facer cousas sen aceptar un contraste do tipo de ‘ben ou mal’, logo non sabes -non es consciente- en realidade do que estás a facer.
É dicir, acepta que es un ser humano e da cabida na túa vida á existencia, recoñecemento e corrección de erros. É o humano, e a base non só do teu avance persoal -en coñecemento, en medrar como persoa, na vida-, senón do tecer social, da construción da vida en común de toda a humanidade e tamén do teu pequeno entorno.