Remato de atoparme cunha nova que lembra a Francesc Ferrer i Guàrdia, ou se o prefires, Francisco Ferrer y Guardia, que el empregaba o castelán no seu ensino. O caso é que este pedagogo de corte anarquista foi, xunto a outros como Decroly ou Montessori, un adiantado no seu tempo … e mesmo parece que coa pandemia, tamén no noso tempo.
Vexamos un resume das súas ideas pedagóxicas: “vinculación co medio, respecto polos nenos, autonomía… Foron características do seu quefacer como pedagogo as visitas ós centros de traballo, a coeducación –de sexo e clase–, o laicismo, o énfase na hixiene, a aprendizaxe activa a partir da práctica ou a supresión de exames”. Chega como resume?
O caso é que, como en outros educadores semellantes, as súas ideas como educador son inseparables das súas ideas ante a vida, e polo tanto, do seu activismo nas causas que consideraba xustas. Tanto, que lle custou a vida a raíz das antipatías que se granxeou o defender as súas ideas, o que o levou ó pelotón de fusilamento.
Si, tamén ensinaba a ser consecuente.