20 anos de coñecemento compartido grazas a Wikipedia

Polo interese que ten a Wikipedia e a constelación arredor de Wikimedia na historia da educación, deixo traducido o artigo sobre a propia historia de Wikipedia que apareceu no blogue de Wikimedia España (Lic. Atribución-Compartir igual 4.0 Internacional (CC BY-SA 4.0)):

20 anos de coñecemento compartido grazas a Wikipedia
13/01/2021 por Santiago Navarro Sanz

A enciclopedia libre nacía tan só 15 días despois de entrar no século XXI: unha nova enciclopedia para un novo século. Nin os mesmos creadores de Wikipedia podían intuír en que se ía a converter aquel experimento de web colaborativa. Milleiros de millóns de horas foron investidas para crear millóns de artigos por parte de milleiros de persoas en centenares de idiomas, e fíxose de forma desinteresada, sen recibir nada a cambio. O que podía parecer un proxecto utópico converteuse na maior obra de coñecemento realizada pola humanidade, para a humanidade.

Os principios de Wikipedia

Aquel 15 de xaneiro de 2001, dous días despois de que o mundo se espertase cun terrible terremoto que sacudiu O Salvador, cinco días antes da toma de posesión de George W. Bush como presidente dos Estados Unidos, nacía Wikipedia. Un feito que pasou desapercibido para todo o mundo, pero poderíase afirmar que foi o efecto bolboreta do coñecemento. Un pequeno xesto que rematou nun proxecto libre, independente, gratuíto, colaborativo e multilingüe, con máis de 55 millóns de artigos en máis de 300 idiomas.

Chegamos a marzo dese mesmo ano, un mes no que foron destruídos os Budas de Bāmiyān en Afganistán ou no que a estación espacial Mir quedou desintegrada. O 16 de marzo naceron as versións de Wikipedia en catalán e alemán, ás que han ir sumándose as versións noutras 300 linguas, como o castelán, eúscaro, galego, asturiano, aragonés, aranés e estremeño. É aí cando Wikipedia converteuse realmente nun proxecto para a humanidade. Si Wikipedia ten un impacto global é porque as persoas pódena consultar e editar na súa propia lingua.

Wikimania 2019. Imaxe de Patricia Costillo, CC BY-SA 4.0, via Wikimedia Commons

Claves da enciclopedia libre

Wikipedia pódese consultar desde a súa creación de forma gratuíta e sen publicidade, e iso é grazas en parte á comunidade hispanofalante. Dous días despois da clausura dos XX. OO. de Salt Lake City, o 26 de febreiro de 2002 creábase a Enciclopedia Libre Universal como derivación da Wikipedia en español para evitar que o proxecto tivese fins lucrativos. Iso motivou que o 20 de xuño de 2003, seis días despois de que Chequia aprobase nun referendo a súa adhesión á Unión Europea e dous días despois de dar comezo a 6.ª Copa Confederacións, fose creada nos Estados Unidos a Fundación Wikimedia. Porque non hai que esquecer que si Wikipedia segue funcionando hoxe en día e pódese consultar de forma gratuíta e sen publicidade é grazas tamén a que existe esta organización sen ánimo de lucro que dá o soporte económico para o seu mantemento.

O mundo aínda celebraba o anuncio do cese da loita armada do IRA cando uns días despois, o 4 de agosto de 2005, 380 wikipedistas reuníronse en Fráncfort na primeira Wikimania, o encontro mundial de wikipedistas para falar de Wikipedia, discutir como mellorala, aprender, formarse e, por suposto, xerar lazos de amizade. Porque Wikipedia é moito máis que unha enciclopedia na rede. Trátase dunha rede de milleiros de persoas colaborando nun proxecto común. Unha rede forte, chea de vitalidade e de persoas marabillosas: sen dúbida, o maior tesouro de Wikipedia.


Unha fonte de información verificable e de confianza

Nestes anos, Wikipedia pasou de ser unha web mal vista pola comunidade educativa e científica, a ser recoñecida como unha das principais fontes de consulta na rede, unha ferramenta igual de fiable que tantas outras fontes máis clásicas e tradicionais, e converteuse ata en obxecto de estudo. Traballar pola verificabilidade e a mellora da calidade do seu contido foi unha das principais tarefas estes últimos anos; ata máis que o incremento no número de entradas. Sen dúbida, para a comunidade de Wikipedia un dos recoñecementos que amosou ese cambio de percepción chegou o 23 de outubro de 2015, cando recibiu o Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional en Oviedo. Durante estes anos, profesorado en centros de ensino, persoal dedicado á investigación, e persoal de museos, bibliotecas e arquivos sumáronse a wikipedistas de todo o mundo para seguir construíndo unha enciclopedia de calidade.

Integrantes da comunidade wikipedista recibindo o premio. Imaxe de Sarmad Yaseen, CC BY-SA 4.0, via Wikimedia Commons

O ecosistema Wikimedia

Do mesmo xeito que o 15 de xaneiro de 2001 ninguén se decatou do nacemento de Wikipedia, tampouco o mesmo día que o furacán Iván azoutou o Caribe, o 7 de setembro de 2004, ninguén se decatou do nacemento de Wikimedia Commons, o repositorio de arquivos libre. Porque o movemento que naceu ao redor de Wikipedia constitúe moito máis que unha enciclopedia. Xunto a Wikipedia vanse creando unha serie de proxectos irmáns que a complementan e axudan a ofrecer a suma de todo o coñecemento. O que empezou con Wikimedia Commons, continuou co dicionario libre Wikcionario, o repositorio de textos libres Wikisource, a fonte de noticias libres Wikinoticias, a base de datos libre Wikidata, a guía de viaxes libre Wikiviajes, a colección de libros, manuais e textos pedagógicos libres Wikilibros, a colección de citas Wikiquote, a colección de tutoriales e cursos Wikiversidade e o catálogo taxonómico Wikispecies.

Pode que Wikipedia e o movemento Wikimedia xerado ao seu ao redor sexan xa un dos poucos restos daquel internet colaborativo que existía a finais dos anos 90 e principios dos 2000. Un internet no que o coñecemento era construído de forma colaborativa e compartido sen limitación. Hoxe, cando todo se monetiza e grandes empresas dominan as plataformas de comunicación con condicións de uso máis e máis opacas e restritivas, Wikipedia ten se cabe máis sentido e é máis necesaria. Porque Wikipedia é libre, é independente, e o máis importante, é nosa, é de todo o mundo.


Wikipedia, 20 anos despois

Como dixemos, Wikipedia é creada pola súa comunidade, e por iso, as comunidades locais son tan importantes neste movemento. Co tempo, wikipedistas de distintos lugares fóronse atopando e coñecendo. A enciclopedia en liña transcendeu a rede e empezaron a colaborar con ela tamén institucións culturais (como museos, arquivos e bibliotecas) ou educativas. E cando Wikipedia tiña 10 anos de vida, varias decenas de wikipedistas en España xuntámonos e decidimos crear Wikimedia España, unha asociación afiliada á Fundación Wikimedia para promover o coñecemento libre no noso país. Porque este ano, ademais de ser o 20.º aniversario de Wikipedia, celebraremos tamén o décimo da nosa asociación.

Como integrar ás novas xeracións, reducir as brechas de contido e na comunidade, adaptarse ás novas formas de consulta na rede, recoller coñecementos orais ou noutros formatos ou loitar contra a desinformación e as noticias falsas son algúns dos retos que temos por diante. Non cabe dúbida de que Wikipedia xa forma parte das nosas vidas. Unha xeración enteira non coñeceu o mundo sen ela e podemos afirmar que hoxe en día o mundo é algo mellor grazas a Wikipedia e ao traballo voluntario de miles de wikipedistas. Como serán os seguintes 20 anos para Wikipedia non o sabemos pero queremos que sexan contigo.

Zorionak! Parabéns! Per molts anys! Felicidaes! Goyoso cabo d’anyo! Eros anniversari! ¡Feliz cumpleaños!

Advertisement

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out /  Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out /  Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out /  Change )

Connecting to %s