Isto é unha nota bibliográfica, pero non só.
Lin ‘¿A que altura está o ceo?’ de Jorge Mira (ISBN 13: 9788416460779). Deixei un comentario na rede: “Sorprendeume. Coñezo o tema e non esperaba atopar nada novo, pero o enfoque e desenvolvemento resultou novidoso e xerou en min novos desenvolvementos. As concesións á inexactitude en aras da claridade e simplicidade son pertinentes, e o estilo ilustracións, adecuadas ó meu ver. Aconsellable.”
Engado o que nos di a a contraportada: “A que altura está o ceo? Velaquí unha das preguntas que se leva formulando o ser humano desde os albores da súa existencia. Este libro vainos dar a resposta a esta cuestión… e a moitas outras. O físico e comunicador científico Jorge Mira realiza unha apaixonante viaxe no tempo. Comeza na época da Grecia clásica e chega ata os descubrimentos máis recentes sobre o Universo.
Despois de ler estas páxinas poderemos responder a cuestións coma estas: ¿Por que vemos o ceo azul ou o Sol amarelo? ¿Como se puido saber a que altura están a Lúa, o Sol e os planetas? ¿Como é posible calcular o lonxe que está unha estrela ou unha galaxia?¿Cal é a idade do Universo? ¿E o seu tamaño? ¿Que quere dicir que o Universo se expande? ¿E a que velocidade o fai? ¿É certo que foi un cura quen primeiro falou do Big Bang?…
Benvidas e benvidos a esta aventura.
¡Boa viaxe espacial!“

Coido que co anterior xa temos unha imaxe do que nos ofrece o libro. Pero queda abondo máis para aclarar. Pode ser un libro de divulgación científica para xente con pouco máis de dez anos ou un pasatempo (de divulgación científica) para adultos cunha bagaxe científica. En ambos casos, e moitos outros, saudable. As letras grandes inducen unha lectura pracenteira, e deixan un libro para aprender sobre o ceo educando tamén o xeito da nosa aprendizaxe. Un libro de divulgación de estilo moderno e ben aproveitado.