O dos premios en educación coido que é un arma de dobre filo que cabería estudar en profundidade e xestionar de forma adecuada. Tal como están as cousas, non se vai facer: hai demasiados intereses -económicos e de prestixio- en xogo. Polo tanto, seguirá a haber premios e premiados como xa ven sendo tradicional. E seguiremos a aledarnos tamén de xeito tradicional cando algún nos toque dun xeito máis próximo.
Neste caso, o IES San Rosendo de Mondoñedo levou este curso 2020/2021 o premio provincial de Voz Natura, premios concedidos polo xornal La Voz de Galicia, polo traballo ‘O Camiño de Santiago coma Corredor Ambiental no Concello de Mondoñedo’, dirixido por Carlos Iglesias Ramos.
O traballo que tivo o premio foi matinado no Departamento de actividades agrarias coa idea dun proxecto interdisciplinar en torno ó Camiño en Mondoñedo. Paisaxe, arquitectura, sociedade, botánica, medicina, medio… intégranse na avaliación de feitos como a calidade da auga, a fauna, a flora ou a paisaxe, a través dun mapa virtual, despois de ter realizados xa análises botánicas ou roteiros de interpretación (ambiental e patrimonial) con planificación innovadora desa interpretación.
Unha liña clara de actuación deixa clara Carlos Iglesias Ramos: Entendo que ou noso espectro de actuación debe transgredir os límites de aprendizaxe na aula. E iso maniféstase neste caso en actuacións ó logo de todo o camiño mindoniense.

Mapa
do entorno
de Mondoñedo (OSM)