‘Interrompín a miña educación para ir á escola’ é unha frase que se atribúe a Bernard Shaw e coa que me atopei de xeito recente. Mergullándome en internet chegue a unha versión lixeiramente diferente, que ten máis visos de se corresponder coa idea de Shaw: “O único momento no que se interrompeu a miña educación foi cando estaba na escola.”
Non se sabe ben se a frase é de Shaw, pois non se atopou ningún escrito del onde apareza. Pero non importa. Nin que apareza o escrito, nin que sexa del. Importa a idea que transmite, que ten algo que ver coa realidade (non todo, a escola non é tan potente).
A idea de escola como disruptora educativa si é potente. E manexable. Para ir contra da escola ou denigrala, como se presume foi o motivo inicial da frase. Ou, invertendo o proceso, para asignar á escola un poder educativo que achega á súa creación: algo así como se, se a escola é capaz de frear a educación, invertendo a súa posición, será capaz de duplicar a eficiencia educativa…
E é que a escola é unha gran descoñecida. Mesmo para quen traballa nela, profesorado e alumnado incluídos.