Tentando educar para un futuro posible

Hai pouco o IPCC liberou o seu sexto informe. As 4000 páxinas de extensión dan para moito, abondo máis que o que se pode tratar nunha entrada de blog, e máis aínda se non vai directamente sobre clima, senón sobre educación. Por iso deixo as imaxes do resume máis resumido que fai oficial o IPCC, e confórmome cunha tradución ó galego e algúns comentarios (en cursiva) sobre esa tradución en relación ó noso propio coñecemento e educación.

Primeira das dúas páxinas.
Segunda das dúas páxinas.

Cabeceiras resume para xestores de políticas:

A. Estado actual do clima

  • A1 É inequívoco que a influencia humana quenceu a atmosfera, o océano e a terra. Téñense producido cambios rápidos e moi estendidos na atmosfera, océano, criosfera e biosfera. É inequívoco.. É dicir, Non hai equivocación, somos nós, as nosas accións, as causantes do cambio climático. Logo somos nós os que debemos cambiar para que cambie o cambio climático.
  • A2. A escala dos cambios recentes en todo o sistema climático e o estado actual de moitos aspectos de dito sistema non teñen precedentes en moitos centos ou milleiros de anos. Sen precedentes. É dicir, enfrontámonos a algo novo, que polo tanto, require novas medidas.
  • A.3. O cambio climático inducido polo ser humano xa está a afectar a moitos feitos extremos na temperie e clima en todas as rexións do planeta. A evidencia de cambios extremos observados como vagas de calor, fortes precipitacións, secas e ciclóns tropicais e, en particular, a súa atribución á influencia humana, tense reforzado despois do Quinto Informe de Avaliación (AR5) . Os efectos cada vez son máis e máis extensos. É dicir, está a empeorar.
  • A4. O coñecemento mellorado dos procesos climáticos, a evidencia paleoclimática e a resposta do sistema climático para o incremento radiante dá unha mellor estimación da sensibilidade do equilibrio climático duns 3 ºC, con un rango máis estreito comparado co AR5. Cada vez se coñece mellor, de xeito máis exacto.

B.Posibles futuros climáticos

  • B1. A temperatura da superficie global continuará aumentando ata polo menos mediados de século baixo todos os escenarios de emisión considerados. Excederase o quecemento global de 1,5 °C e 2 °C durante o século XXI a menos que se produzan reducións profundas nas emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros gases de efecto invernadoiro nas próximas décadas. O aumento é imparable neste século. Xa se fala de mínimos a acadar nas próximas décadas, independentes do que se faga xa, só debidas á inercia global, pero non da extensión de cara ó futuro, que dependerá das medidas tomadas.
  • B2. Moitos cambios no sistema climático fanse maiores en relación directa co aumento do quecemento global. Inclúe aumentos na frecuencia e intensidade de eventos extremos de calor, vagas de calor mariñas e precipitacións fortes, secas agrícolas e ecolóxicas nalgunhas rexións e a proporción de ciclóns tropicais intensos, así como reducións do xeo mariño do Ártico, da capa de neve e do permafrost. Os efectos do cambio climático non son lineares, proporcionais ó aumento de temperatura, senón que a súa severidade advírtese máis rápido que o aumento de temperaturas.
  • B3. O continuo quecemento global prevese que aumente a intensidade do ciclo global da auga, incluíndo a súa variabilidade, a precipitación global do monzón e a severidade dos eventos húmidos e secos. Dentro deses efectos están a evaporación e caída de auga, que tenderá a ser máis rápida e intensa, con todo o que implica para as reservas de auga potable ou destrución por secas ou inundacións.
  • B4. En escenarios con crecentes emisións de CO2, proxéctase que os sumidoiros de carbono, tanto oceánicos como terrestres, serán menos efectivos na súa lentificación da acumulación de CO2 na atmosfera. Un exemplo para clarificar: O varrer para baixo da alfombra é posible mentres a varredura sexa pouca, pero a medida que temos máis lixo, cada vez é máis difícil disimular o montón que se acumula…
  • B5. Moitos cambios debidos ás emisións pasadas e futuras de gases de efecto invernadoiro son irreversibles de séculos a milenios, especialmente os cambios no océano, nas capas de xeo e no nivel global do mar. Aínda así, non somos nin é previsible que sexamos capaces que volver as cousas ó estado no que se atopaban antes da revolución industrial. E por si soas tardarán moito tempo. En tempo humano, moitas xeracións.

C.Información climática para consideración de riscos e adaptación rexional

  • C1. Os factores naturais e a variabilidade interna modularán os cambios causados polo ser humano, especialmente a escala rexional e a curto prazo, con escaso efecto sobre o quentamento global no século. Estas modulacións son importantes e a ter en conta na planificación de toda a gama de posibles cambios. A regulación natural segue estando aí, segue a actuar. Pero os seus efectos só fan que modular os efectos producidos por nós, de tan importantes que xa son.
  • C2. Con máis quecemento global, prevese que cada rexión experimentará cada vez máis cambios simultáneos e múltiples nos factores de impacto climático. Os cambios en varios factores do impacto climático estarían máis estendidos nun quecemento de 2 °C en comparación co quecemento global de 1,5 °C e aínda máis estendidos e/ou pronunciados para niveis de quecemento máis altos.
  • C3. Os resultados de baixa probabilidade, como o colapso da capa de xeo, os cambios bruscos na circulación oceánica, algúns eventos extremos compostos e o quecemento substancialmente superior ao intervalo moi probable de quecemento futuro non se poden descartar e forman parte da avaliación do risco. Os efectos mínimos coñécense, pero a desviación máxima que poden ter os efectos do cambio climático so están dentro das posibilidades e da incertidume.

D.Limitando o futuro cambio climático

  • D1. Desde a perspectiva das ciencias físicas, limitar o quecemento global inducido polo ser humano a un nivel específico require limitar as emisións acumuladas de CO2, alcanzando polo menos nulas emisións de CO2, xunto con fortes reducións doutras emisións de gases de efecto invernadoiro. Reducións fortes, rápidas e sostidas nas emisións de CH4 [metano] tamén limitarían o efecto de quecemento da contaminación por aerosois e mellorarían a calidade do aire. Hai constancia das necesidades para parar o cambio, aínda que puidera haber máis necesidades a cubrir.
  • D2. Escenarios con emisións baixas ou moi baixas de gases de efecto invernadoiro (GEI) conducen aos poucos anos a efectos perceptibles sobre as concentracións de gases de efecto invernadoiro e aerosois, e a calidade do aire, en relación aos escenarios de emisións altas e moi altas de GEI. Baixo estes escenarios confrontados, as diferenzas perceptibles nas tendencias da temperatura superficial global comezarán a xurdir da variabilidade natural dentro de 20 anos e durante períodos de tempo máis longos para moitos outros factores de impacto climático [conclusión que os expertos valoran como de alta confianza]. Nas mellores circunstancias da nosa actuación, a prevalencia da regulación climática natural non comezará a ser perceptible (que non a rexir totalmente) antes de 20 anos.

Leave a comment