Traducido do artigo http://blog.pompilos.org/archivo/uso-de-materiales-con-derechos-de-autor-en-educacion , de José M. Ciordia (@José M. Ciordia 2011)
Non se trasladan os comentarios.
No seu traballo o profesor usa a miúdo materiais suxeitos a dereitos de autor (en inglés, con copyright), pero adoita descoñecer a lexislación respecto diso. Revisarei a continuación os aspectos máis importantes do tema. Para profundar, pódese consultar en internet a Lei de propiedade intelectual (LPI) vixente en España (cada país terá a súa lexislación propia).
Dúas falsedades moi extendidas sobre os dereitos de autor
1. Só teñen dereitos de autor aquelas obras rexistradas no Rexistro da Propiedade Intelectual, ou aquelas nas que conste expresamente «copyright».
Falso. A LPI establece (artigo 1) que: «A propiedade intelectual dunha obra literaria, artística ou científica corresponde ao autor polo só feito da súa creación». É dicir, que o autor ten todos os dereitos reservados sobre a súa obra con independencia de calquera circunstancia. Por tanto temos que entender que toda obra está protexida, salvo que figure expresamente o contrario.
2. Pódese copiar todo o que está colgado en internet.
Falso. Colgar algo en internet é un acto de publicación (facer algo accesible ao público), pero non supón cesión de dereitos. Tamén podemos ver unha fotografía nunha exposición, ouvir música nun concerto gratuíto, ou sacar prestado un libro dunha biblioteca; o feito de que estas obras sexan accesibles ao público (gratis, como nestes casos, ou pagando), non nos dá dereito a facer copias delas. Respecto aos materiais colgados en internet, podemos lelos, velos ou ouvilos gratuitamente porque así o decidiu o seu autor, pero non copialos nin redistribuílos sen a súa autorización.
Dominio público
Unha obra é de dominio público, e por tanto non está suxeita a dereitos de autor, cando pasaron 70 anos da morte do autor (artigo 26). Por tanto, podemos reproducir un texto do Quixote ou unha partitura de Mozart sen restricións. Sobre este último caso, hai que facer unha puntualización: en xeral (outra cousa é o contexto educativo) non se pode reproducir unha gravación musical recente dado que os dereitos dos «artistas intérpretes ou ejecutantes» tamén están protexidos, concretamente até 50 anos despois da interpretación (artigo 112).
Excepción no ensino
O artigo da LPI que máis afecta ós profesores é:
Artigo 32.2. Non necesitará autorización do autor o profesorado da educación regulada para realizar actos de reprodución, distribución e comunicación pública de pequenos fragmentos de obras ou de obras illadas de carácter plástico ou fotográfico figurativo, excluídos os libros de texto e os manuais universitarios, cando ditos actos se fagan unicamente para a ilustración das súas actividades educativas nas aulas, na medida xustificada pola finalidade non comercial perseguida, sempre que se trate de obras xa divulgadas e, salvo nos casos en que resulte imposible, inclúanse o nome do autor e a fonte.
Queda claro que podemos reproducir fragmentos de obras escritas ou imaxes illadas, como unha pintura ou unha fotografía, para usalos en clase sen pagar dereitos de autor, pero non un libro nin unha película enteira. Este artigo exímenos non só de pagar aos autores, senón tamén aos «intérpretes e ejecutantes» que gravaron recentemente unha obra musical antiga que está en dominio público.
O uso da expresión «nas aulas» é importante: se distribuímos unha fotocopia en clase mantémonos dentro da lei, e ocorre o mismo se a colgamos nunha aula virtual de acceso restrinxido aos nosos alumnos (caso da plataforma Moodle ou de calquera outra páxina de acceso restrinxido con nome de usuario e contrasinal). Agora ben, non entrará no concepto de «aula» colgala nunha páxina web aberta ou de acceso universal (por máis que a nosa intención é que a descarguen os nosos alumnos), dado que calquera outra persoa pode descargala. Así que, para unha páxina web aberta, o correcto é facer un enlace a ese recurso se o material está dispoñible en internet. Se non o está, podemos esquecernos del ou facer unha referencia tradicional (nome, título, editorial, etc.) aínda que é difícil que os alumnos localicen esa edición en particular nunha biblioteca.
Este artigo da LPI resolve a maioría das nosas necesidades en materia educativa, pero talvez queiramos escribir un artigo, unha páxina web ou un libro de carácter educativo, e incluír nel unha obra allea. Con este fin serannos útiles os dous apartados seguintes.
Creative Commons
Internet facilitou o nacemento dun movemento cultural que avoga polo acceso libre á cultura. Un exemplo son as licenzas Creative Commons (CC). O autor que publica a súa obra baixo estas licenzas fai doazón irrevogable duns dereitos, pero conserva outros. A fórmula máis habitual (aínda que hai varios tipos de licencias CC) é Creative Commons BY-NC-SA, que significa: que debe constar o nome do autor da obra, que non se pode facer un uso comercial da copia e que a obra na que se inclúa, se é o caso, distribuirase coa misma licenza.
En internet pódense atopar moitas obras publicadas así:
- Banco de imaxes e sons do MEC, cun buscador para atopar imaxes, vídeos e sons.
- Wikipedia, imaxes incluídas. Hai que comprobar na páxina da imaxe a licenz CC que se aplica, porque pode variar dunha a outra.
- Wikimedia Commons.
- CC Search, un buscador específico de recursos CC.
- Flickr Creative Commons.
- Pixabay
- Open Photo
Dereito de cita
A miúdo, no caso de que escribamos un artigo, un libro de texto ou unha páxina web de carácter educativo, necesitaremos incluír neles fragmentos de obras con copyright. A este caso non se lle aplica a excepción do ensino porque, a pesar do carácter educativo destes textos, non os creamos para usalos en clase cos nosos alumnos. Neste caso acollerémonos ao dereito de cita recollido na LPI:
Artigo 32.1. É lícita a inclusión nunha obra propia de fragmentos doutras alleas de natureza escrita, sonora ou audiovisual, así como a de obras illadas de carácter plástico ou fotográfico figurativo, sempre que se trate de obras xa divulgadas e a súa inclusión se realice a título de cita ou para a súa análise, comentario ou xuízo crítico. Tal utilización só poderá realizarse con fins docentes ou de investigación, na medida xustificada polo fin desa incorporación e indicando a fonte e o nome do autor da obra utilizada.
Disto dedúcese que, se escribimos un libro sobre historia de Grecia, non podemos incluír sen máis unha foto do Partenón que atopemos en internet, porque non estamos a analizar esa fotografía. En cambio, si a poderemos incluír se é un libro de fotografía e estamos a comentar o tipo de luz ou o punto de vista con que se fixo esa foto.
Aulas de integración
Afecta ó traballo con alumnos de integración este artigo:
Artigo 31bis 2. Tampouco necesitan autorización os actos de reprodución, distribución e comunicación pública de obras xa divulgadas que se realicen en beneficio de persoas con discapacidade, sempre que os mismos carezan de finalidade lucrativa, garden unha relación directa coa discapacidade de que se trate, lévense a cabo mediante un procedemento ou medio adaptado á discapacidade e limítense ao que esta esixe.
Copia privada
Aínda que non é específico do contexto educativo, non está de máis aclarar un malentendido frecuente: existe o dereito á copia privada. Cando compramos un CD, compramos o dereito a ouvilo, o CD físico só é o soporte que fai posible gozar dese dereito. Pero ese soporte pode romperse, ou podemos querer ouvilo en casa e no coche sen ter que levalo de aquí cara alá; para que isto non impida gozar do dereito que adquirimos, a lei permite facer copia(s) dese soporte.
Artigo 31.2. Non necesita autorización do autor a reprodución, en calquera soporte, de obras xa divulgadas cando se leve a cabo por unha persoa física para o seu uso privado a partir de obras ás que acceda legalmente e a copia obtida non sexa obxecto dunha utilización colectiva nin lucrativa (…). Quedan excluídas (…) e os programas de computador.
Cláusula de exención de responsabilidade. Non son xurista e o anterior é só o meu punto de vista sobre a materia, aínda que documentado coa Lei de Propiedade Intelectual española vixente. Por iso declino expresamente toda responsabilidade que se derive dos posibles erros contidos nesta información. Que teñas un bo día.
[Nota do T.: fago extensiva a exención de responsabilidade ó meu traballo]