Prestar atención e paying attention, dous xeitos de ver o mundo

De Kenjiro995, en https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Pixel-precepce-A002.png, Lic. Creative Commons Attribution-Share Alike 3.0

Hai xa tempo, un artigo, http://lamediahostia.blogspot.com/2008/03/seth-godin-sobre-el-futuro-del-negocio.html levoume a pensar sobre o diferente que é falar un idioma de falar outro, algo que ten que influír (e inflúe) sobre os campos e redes de ideas que son a base do noso pensamento.

A versión galega ou castelá do termo, ‘prestar atención’, parece indicar unha espera de que, a continuación ou próximamente, haxa unha devolución desa atención, unha correspondencia de atencións. Iso é o que indica un préstamo: unha ‘ida’ e unha ‘volta’ que se corresponde coa anterior.

A versión inglesa, ‘paying attention’, parece indicar polo contrario unha débeda de quen está prestando esa atención respecto de quen ou do que está a ser o foco dela: non hai contraprestación, intercambio, hai débeda.

Outra versión na nosa lingua (tamén en castelán), sería ‘poñer atención’, que indicaría o deixar a atención nunha determinada situación, sen esperar nada a cambio. Sería algo así como unha actitude unilateral, sen contraprestación, pero tamén sen débeda. Como se dunha doazón se tratara.

No artigo de onde tomei a idea, había referencias a negocio, ós negocios, e polo tanto, sería lóxico que a atención comunicada (e exercida) fora diferente, e nuns e outros parlantes a mentalidade referente ós negocios que requiren un certo ‘prestar atención’, ‘pagar [con ou a] atención’ ou ‘poñer atencíón’ ó outro.

O mesmo, ou semellante, é certo tamén respecto a outras cousas como o esperar que os cargos públicos nos escoiten despois de que nós os escoitemos a eles. Sería a reciprocidade. Aínda que moitas veces parece que actuaran ó estilo do que suxire o xiro en inglés: pedíndonos (ou esixíndonos) que lles paguemos dalgún xeito polo mero feito de teren falado, ou, conforme ó outro xiro lingüístico antedito, que poñamos atención neles, sen importar a circunstancia ou unha posible contraprestación…

Cousa de pensalo. Non só polo tema dos pagos, senón polo que significa ter unha lingua. E usala.

Leave a comment