Actividade educativa

É curioso a diferente percepción de impacto social das actividades educativas, non tanto en función dos diversos centros e a súa forma de facer as cousas, como doutros factores que poderiamos chamar internos e da percepción externa, histórica, que se ten deles. Así, por exemplo, mentres que unhas actividades convértense directamente en festas para consumo externo, outras, sen descoidar aspectos lúdicos, convértense nunha intervención social do (e no) ensino. Hoxe traio a colación unha actividade do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, que enmarco nunha actividade multicentros na Coruña, o día da Ciencia na Rúa.

Copio a continuación unha entrada do blog do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo:

O IES de Ribadeo na Ciencia na Rúa 2022

O IES Ribadeo Dionisio Gamallo participou unha vez máis no Día da Ciencia na Rúa organizado polos Amigos da Casa das Ciencias da Coruña. Tras dous anos sen poder celebrar presencialmente este acto debido á pandemia, 30 alumnas e alumnos de 1º e 4º ESO acudiron á cita para expoñer os seus traballos acompañados polas profesoras de bioloxía e xeoloxía, Beatriz González e Susi Besteiro.
O alumnado de 1º eso ilustrou ós visitantes explicándolles a relación entre a alimentación e dentición nos vertebrados. Para iso amosaron cranios de vaca e corzo (herbívoros ruminantes), de cabalo (herbívoro non ruminante), de can (carnívoro), de porco e xabaril (omnívoros) e de coello (roedor). Tamén ensinaron a facer trampas e atraínte caseiro para atrapar ás raíñas da avespa asiática, animando a loitar contra esa especie invasora. Por outro lado, o alumnado de 4º ESO, centrouse na xeoloxía da Praia das Catedrais explicando a alternancia de cuarcitas e lousas así como a evolución do cantil. Para iso, elaboraron unha reprodución en pasta de modelar das distintas fases evolutivas: faias, grutas, túnel rochoso, ollos, arcos e farallóns amosando de forma moi didáctica o retroceso do cantil. Ademais, o alumnado tivo a oportunidade de visitar a Casa das Ciencias, o planetario, os stands dos outros centros e participar en numerosas actividades e xogos que se desenvolveron ó longo da xornada.
En definitiva, un sábado adicado a contar e aprender ciencia no que o IES de Ribadeo axudou a rendir unha homenaxe a Javier Novelle, organizador do evento durante 24 anos e falecido na pandemia, co que colaboraron dende a primeira edición da Ciencia na Rúa e que sempre foi invitado de honra nas Feiras da Ciencia ribadenses. Noraboa a tódolos participantes!

O Día da Ciencia na Rúa e Amigos da Casa das Ciencias

Os Amigos da Casa das Ciencias son unha asociación que anda detrás do día da Ciencia na Rúa. Unha actividade que congrega o primeiro sábado de maio a varias deceas de centros de ensino e institucións diversas de Galicia no Parque de Santa Margarita de A Coruña. O IES de Ribadeo Dionisio Gamallo na actualidade, e con anterioridade un dos seus antecesores, o IES Porta da Auga, levan asistindo á celebración de difusión científica coruñesa dende o século pasado, difundido proxectos realizados no marco da Feira da Ciencia ribadense, se ben por mor da pandemia este ano non houbo edición na localidade.

Leave a comment